WILY FORZA INGOBERNABLE INAUGURACIÓN VENRES 22 DE MARZO A PARTIR DAS 18:00 H.

CARTAZ

Este venres 22 de marzo ás 18:00 h. o FAC Peregrina abre a súa terceira temporada coa montaxe expositiva na modalidade de FAC Convidadxs: WILY FORZA INGOBERNABLE comisariada por Ángel Calvo Ulloa, coordinada pola Equipa FAC e producida pola Asociación de amigos da obra de Wily. Un proxecto de especial pertinencia e importancia polo apoio e visibilidade que supón para a tarefa de investigación e recuperación material da obra do artista Antonio Taboada, Wily; unha responsabilidade para coa Historia da Arte Contemporánea galega á que o FAC Peregrina non quería faltar.

A montaxe expositiva compleméntase cunha publicación, unha sesión de imaxes, poesía e música de Wily con Benxamin Otero e Celso Fernández Sanmartín o venres 29 de marzo e o encontro “Forza ingobernable” con Alberto González Alegre e Miguel Anzo Rodríguez o venres 5 de abril, ámbalas dúas actividades a partir das 18:00 no FAC Peregrina.

WILY | FORZA INGOBERNABLE
Ángel Calvo Ulloa

Wily, ou Antonio Taboada Feradás, (Lalín, 1962-2006) pertenceu con tódalas súas consecuencias a ese período de entreguerras que a arte galega viviu entre as décadas dos oitenta e os noventa do pasado século. De formación autodidacta, cun carácter que o achegaba ás figuras protagonistas do denominador común de Atlántica, os seus ollos miraron de xeito uniforme cara Europa e Norteamérica, mesturando unha información que chegaba a contagotas. Herdeiro desa forza ingobernable do salvaxismo alemán, a planitude do seu cromatismo e a temática terá máis que ver cos primeiros traballos de figuras coma Claes Oldenburg -xigante do pop norteamericano que asinou uns comezos a medio camiño entre o xestual e o perfeccionamento industrial das formas que desencadeou co paso de tempo-, malia que o resultado formal do traballo de Wily sempre nos recorde nun primeiro momento ao xesto impulsivo de Georg Baselitz ou, cara a América novamente, aos grafismos torpes e espontáneos que Jean-Michel Basquiat ou James Brown desenrolarán xa nos oitenta.

Wily

Músico de vocación, pero cos ollos postos na poesía e na plástica, vai ser este campo ao que dedique boa parte da súa vida. Esculturas realizadas a motoserra, de inquietantes proporcións que ollaban dende as alturas con faccións esquemáticas, pero cheas de expresividade.

A súa chegada non pode ser máis prometedora, en 1986 acada o terceiro premio da Bienal de Escultura da Fundación Araguaney e en 1988 será seleccionado para a segunda edición da xa paradigmática mostra itinerante Novíssimos –mostra na que neses anos participarán tamén Guillermo Aymerich e Armindo Salgueiro entre outros-, organizada polo Concello de Ferrol e que suporá un altofalante para unha xeración de artistas que nacían baixo a abafante sombra de Atlántica e que pelexaban sen rumbo fixo cara á superficie. A década remata coa concesión dunha bolsa de Novos Valores e diferentes premios cos que viaxará a Alemaña en 1991 movido polo seu crecente interese pola escultura alemá.

Durante os primeiros anos da estreada década dos noventa verá exposto o seu traballo na Bienal de Pontevedra do 1992 -na colectiva dedicada aos bolseiros da Deputación de Pontevedra-, e de xeito individual na Galería Sargadelos (Santiago de Compostela) e na Casa das Artes (Vigo) –espazos que supuxeron durante aqueles anos un piar importante para unha renovada xeración de artistas-. En 1995 élle concedida unha beca de formación no estranxeiro coa que pasará en Florencia nove meses. A súa escultura da un xiro importante naquel momento pero os seguintes anos ese apoio inicial apágase e o seu nome deixa de aparecer nas exposicións que marcaban a liña a seguir pola arte galega. En 2005, o equipo de Metrópolis da TVE visita o estudio de Wily para gravar unha entrevista con Susana Blas. Outsiders será o título deste primeiro programa dedicado a seis artistas que, máis alá da súa importancia, crean lonxe do mercado da arte e das tendencias imperantes. Figuras como o poeta Dionisio Cañas ou o pintor EVRU serán outros dos artistas incluídos nesta serie.

En xuño de 2006 falece atropelado por un tren na súa parroquia de Botos. Ás condolencias e ao balbordo inicial ségueo o silencio incómodo do esquecemento por parte das institucións que anunciaran a posta en valor do seu legado.

Dunha orixinalidade e sutileza difícil de atopar noutros artistas do seu momento, a frescura e a carencia de convencionalismos á hora de traballar xeraron unha riqueza na linguaxe formal que Wily foi variando segundo os seus intereses cambiaban.

A vida de Wily é a vida dun ser independente, que medrou admirando a quen en moitos casos o subestimou e que hoxe, sete anos despois da súa morte, resulta ser unha figura de profunda actualidade, autor de obras nas que o paso do tempo segue a xogar no seu favor. Artista universal afastado de prexuízos, lonxe dos sentimentalismos que afloran trala morte de alguén querido, o valor artístico da súa obra obriga a deterse e reivindicar unha figura esquecida que operou baixo o salvaxe impulso dunha forza ingobernable.

Imaxes: Damián Paio e Miguel Calvo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s